Thursday 02 de May de 2024

Xunta e Ministerio estudan mecanismos de colaboración para reparar danos e evitar a degradación nas praias e no litoral de Galicia


Ambas administración recoñecen que as dinámicas dos areais vense afectadas por factores naturais, como o aumento da frecuencia e intensidade de temporais mariños

Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente veñen de manter un encontro en Santiago para analizar a posibilidade de levar a cabo accións conxuntas para reparar os danos que se rexistran nas praias e zonas dunares de Galicia, así como actuacións que eviten a degradación do litoral costeiro da Comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladoulle ao grupo de traballo que a erosión costeira é un problema que acada ao conxunto da sociedade e que provoca cuantiosas perdas económicas, levándose por diante o patrimonio cultura e natural dos concellos. Este grupo de traballo reunido hoxe en Santiago está integrado pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e por parte do Ministerio, o xefe de demarcación de Costas, Rafael Eimil, xunto cos xefes de Servizo de Costas e de Dominio Público das tres provincias costeiras de Galicia.

Salientou que a Conselleira elaborou unha Guía de Boas prácticas de intervencións nas praias e complexos dunares, na que se recollen unha serie de recomendacións para evitar a súa degradación pola mala xestión destes espazos naturais, principalmente, e pola acción e intensidade dos temporais que afectan cada vez con máis frecuencia á Comunidade galega.

Destacou que este documento, que forma parte da colección Paisaxe Galega, busca fixar unhas pautas e normas desde as que superar os desaxustes entre un aproveitamento do litoral e os valores naturais e culturais que albergan as nosas costas e moldean a nosa sociedade.

Ambas administracións recoñeceron que nas últimas décadas, este límite terra-mar sufriu presións de diversa natureza que provocaron ameazas e disfuncións que comprometían os seus valores ambientais e, polo tanto, identitarios e culturais.

A actuación sobre os areais problemática ambiental de orixe humana é a principal causa de degradación e desaparición dos sistemas areosos do litoral. Fronte ás causas de índole natural, a indebida ocupación do litoral conta coa vantaxe de que se poden evitar e controlar; pero tamén pode impedir ou comprometer a adaptación de praias e dunas aos cambios ambientais naturais.

Dende a Xunta sinalaron que unha das consecuencias da falta de plans de accesibilidade é densa rede de carreiros sobre os espazos dunares, que fragmentan e desestabilizan superficies vexetadas.

Os paseos marítimos eríxense como un dos problemas para a estabilidade dos complexos sedimentarios. Algúns foron realizados sobre os propios conxuntos dunares, xa degradados previamente, o que supón que se utilice a súa función ambiental e o seu papel estabilizador da praia. Tamén se dan casos de ocupación da parte da praia alta, o que aumenta a reflexión da ondada e dando lugar a unha erosión severa. Asemade, a eliminación da área de repouso da lugar a un estado de constante inestabilidade que pode facer desaparecer a praia. Os representantes da Consellería de Medio Ambiente sinalaron que estes deterioros ademais de representar un feísmo paisaxístico, constitúe un problema de seguridade pública para os veciños destes concellos costeiros.

Na Guía e Boas Prácticas incídese na necesidade de reorientar a presenza da pegada humana nos litorais areosos mediante unha actitude menos intervencionista, fundamentada nos análises de cara a súa ordenación e protección; é dicir, hai que facer compatible a conservación co uso, non se trata de prohibir ou renunciar ao uso das praias, senón orientar e ordenar a súa ocupación e as actividades que nelas se poden desenvolver.